Serxio Iglesias
Serxio Iglesias Rodríguez, nado en Bos Aires en 1966, é un poeta galego.
Pasa a súa infancia e mocidade na cidade da Coruña. Comeza a escribir poesía nos anos oitenta, publicando algún poema en diversas revistas (Agália e Luzes de Galiza).
Foi membro do colectivo Ronseltz e do Batallón Literario da Costa da Morte. Na actualidade vive en Corcubión. É profesor de Lingua e Literatura galegas no IES Fernando Blanco de Cee.
Obras
Poesía
Métodos para afogar un cisne, 2002, Positivas. Reeditado no 2012.
Viaxe ao interior da fenda, 2013, Sotelo Blanco.
Obras colectivas
Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados, 1994, Positivas.
Nós, 1997, Batallón Literario da Costa da Morte.
Rumbo ás illas. Escritores da Costa da Morte nas Sisargas, 1997, Asociación Cultural Monte Branco/Asociación Neria, O Couto, Ponteceso.
De Pondal ao Batallón Literario (120 anos de poesía na Costa da Morte, 2009, Sotelo Blanco.
Premios
Premio do Concello de Culleredo.
Premio Meigas e Trasgos.
Premio do Círculo de Artesáns.
Premio Eusebio Lorenzo Baleirón no 2012, por Viaxe ao interior da fenda.
Poética:
A un narrador nunca se lle pide que redefina o xénero.
O panadeiro amasa (fariña, auga, lévedo e sal) e fai o pan.
As autopoéticas son cursis e van preñadas de engolamento estéril.
O poema é porque é en si.
E de cando en vez sae do forno poema de pantrigo.
[quince]
¿le tienes de verdad miedo al colapso?
acógelo como hijo que es
como mérito creado
no le temas a la incertidumbre
ni pienses en el desastre
como fin para alcanzar el medio
no pienses en la soledad
pues allí estaremos todos
suaves
con el alma regalada
ínfimos
no temas la pérdida
aún puedes si quieres
recordar los robles
la nutria
la bajamar
puedes soñar con el musgo rebaladizo
puedes oler en la memoria
rudas argazos lluvia en la tierra enjuta
coge la última naranja
desgájala con la mano
lame las gotas de vida que aún quedan
maravíllate con la geometría de su corte
con su color de incendio abierto
luego cierra los puños y
pálpate exprímete mójate
busca así la experiencia última
y acoge el colapso en tu seno
Viaxe ao interior da fenda.
Sotelo Blanco Edicións, Santiago de Compostela, 2013.
Versión de Andrés Vara
[quince]
tes de verdade medo ao colapso?
acólleo como fillo que é
como mérito creado
non lle temas á incerteza
nin penses no desastre
como fin para acadar o medio
non penses na soidade
pois alí estaremos todos
mainos
coa alma regalada
ínfimos
non temas a perda
podes aínda se queres
lembrar os carballos
a lontra
a baixa de mar
poder soñar co brión esavaradío
podes recender na memoria
rudas argazos chuvia na terra enxoita
colle a derradeira laranxa
esgázaa coa man
lambe as pingas de vida que aínda quedan
marabíllate coa xeometría do seu corte
coa súa cor de incendio aberto
logo pecha os puños e
apálpate exprémete móllate
procura así a experiencia última
e acolle o colapso no teu seo
se a imaxe fose dende arriba coma no ceo-sobre-berlín
veriamos o neno e o seu asombro
a dor tronzada
a cara de neno fráxil
a cara mollada de terra
e pouca luz
na imaxe dende arriba sabémonos apenas ecos do que somos
retratos bizantinos mosaicos vellos cadernos manchados de píntegas e saloucos incomprendidos]
non hai estación central que nos leve á casa
non hai un silencio que nos acolla
non hai cores dende arriba
todo vén sendo un precipicio mareante de orfas infancias infinitos horizontes herbas molladas]
xa dixemos
un caderno manchado de píntegas que quixo ser a ilusión nos ollos tristes do neno]
vagas suposicións do futuro hipotético que nunca habería de ser
tal vez ao neno non lle foran confiados os segredos ancestrais salmos da especie inequívoco rumbo alumeado no seu paso polo tempo]
o neno era neno
e as vereas abertas no seu camiñar pequeno
morrían na espesura ao pouco de empezar
andar e desandar
o túnel ao final da luz
[de viaxe ao interior da fenda (Sotelo Blanco)]
a casa ten aínda unha vella radio
desas que aínda emiten pétalos de ira
e a radio amansa as pólas que entran
pola fiestra que non hai
a porta que non ten abriu a casa tantas veces
cantas veces abre unha porta?
en fin que é unha porta?
as pedras debuxan as paredes que foron
o teito que non hai
verdío que debuxa as pedras que debuxan paredes
dunha casa
unha trabe mollada no chan
conta a historia da muller última
que acendeu o lume
que remexía o pote
que despedía fillos
que recibía cartas
que morría tantas veces
como abría a porta no inverno
a casa é agora unha muller que non está
unha figueira esgrevia que vive dentro
laios que ninguén recolle carraxe que xa pasou
unha radio vella que emite pétalos de ira
no silencio da tarde
[de viaxe ao interior da fenda (Sotelo Blanco)]
en avellaneda aos noventa anos
ela vivía de fames de migallas de pan branco
balbucía cousieiro vilastose muxía
e tiña o televisor aceso e a luz apagada
a fiestra espida enfocaba un exército
de buscadores de cartón restos de comida
era un exército de soldados bolivianos en avellaneda
aos noventa anos sentada no vello sofá
daquel departamento de cascudas
a vergoña chamou á porta e quedou na casa
sentada ao carón dela para sempre
dentro do placar a vergoña
no freezer baleiro a vergoña
na alcancía a vergoña
ah pero nos cincuenta e pico
a cidade era un frasco de dulce-de-leche
ela bailaba no abc de corcubión
e era verán en mar-del-plata
e eran fotos arredor dunha mesa en branco e negro
e cinzano con fernet e soda
e tango
e chiquilines que xogaban no patio emparrado
e o agoiro do trebón deitou un sorriso diabólico
e foi que a vergoña timbrou entón e para sempre
na negrura de avellaneda o exército do cartón avanza
derrúbanse as tanquetas do tacho do lixo
e comeza a invasión da carne podre
da froita magoada
escuadróns da miseria
exército de soldados altiplanos
[de viaxe ao interior da fenda (Sotelo Blanco)]
Rostro:
un lugar chamado aquel sitio
con secretas pinceladas nos recantos
voces que veñen e van na travesía
e bramidos nus nos buratos
das esponxas
unha praia chamada rostro
na amnesia dos vivos
perdura o sal de labios tolleitos
ollares de esguello
e roupas de gato
naquel sitio alcumado lugar
a vella pousa o cu octoxenario
no tallo de mirar cara á fóra
no mar do rostro
participa do noso fracaso
a acubíllate hipodérmico
pola alma toda
fálalle ao alento
do encanto da boca espesa
do peso dos brazos
dun cisne que afogamos
con orballo de limón
principio a principio
a lume lento
como un segredo ao mundo
míntelle do que ves
os ollos
nos zapatos
orgullo
[ de Métodos para afogar un cisne.]
a agonía veu nun sinal
feito coa boca
coas pálpebras e coas letras
dun sobre de sopa
soaba a setenta e tantos
e a estrada era longa e sen paxaros
falabamos de xogos de cartas
e voltar á casa
o hotel tiña frío de sobre de sopa
e letras de neon de cando en vez
lémbrote no espello do bolso
empoando o nariz
e facendo un sinal coa boca
e coas pálpebras
chamando por todos eles
morremos de amañecida
na porta dese hotel
a avenida pechada e a boca
como sopa fría
e ganas de irse
[de Métodos para afogar un cisne (Ed. Positivas)]
cómpre falarmos pouco
con toda esta morte por diante
e o sangue que esculpe
no pálido das meixelas
ocos efémeros
e pausas e ruído
hai por haber un arcanxo
travestido de madonna
e góticos cópula cantos
na semente perdida
cómpre falarmos pouco
con tanta memoria por diante
no medo
cartafoles de gris
e sexo extremo
[de Métodos para afogar un cisne (Ed. Positivas)]
No hay comentarios:
Publicar un comentario