jueves, 11 de agosto de 2011
4416.- VICENTE ARAGUAS
Vicente Araguas, nado en Xuvia (Neda) o 24 de setembro de 1950, é un músico e escritor galego, un dos fundadores en 1968 do grupo Voces Ceibes.
Estudou en Santiago de Compostela na facultade de Filosofía e Letras (Filoloxía Inglesa) carreira na que se licenciou. En 1968 deu os seus primeiros recitais como cantautor, ao tempo que participou nas manifestacións universitarias que se realizaron nese ano en Compostela. No seu primeiro disco (1968) gravou as cancións Agora, Poema triste, A cea e Os corpos (texto de Alfredo Conde). No segundo disco (1970) gravou O camaleón e A Léo Ferré, compañeiro e participou no disco colectivo Cerca de mañana (1972). No curso 1972-1973 deu clases de lingua castelá en Glasgow, e foi alí onde comezou a escribir os seus primeiros poemas que formarán Paisaxe de Glasgow. Desde setembro de 1974 reside en Madrid.
Actualmente exerce a docencia no centro educativo Logos, (Las Rozas). Comparte a actividade docente coa de crítico literario en Leer e Revista de Libros e columnista no Diario de Ferrol e El Correo Gallego. Por esta última actividade acadou o Premio Reimóndez Portela de Xornalismo. Ademais Vicente Araguas é Pedrón de Honra, Insignia de Ouro de Ferrol e Fillo Predilecto de Neda. Os seus poemas están en diferentes escolmas de poesía galega, a última, Poetízate, tendo sido traducido ao italiano por Emilio Coco e ao catalán por Manuel Costa-Pau.
Poesía
Paisaxe de Glasgow, 1978, Edicións Castrelos.
Ás veces en domingo abonda coa tenrura, 1980, Edicións Castrelos.
Poemas pra Ana Andrea, 1982.
Xuvia, 1984, Brais Pinto.
Caleidoscopio, 1988, Edicións Río Xuvia.
Oficio de ollar, 1992.
Campo santo, 1994, en colaboración co gravador portugués Manuel Patinha.
O gato branco, 1995, Espiral Maior.
Billarda, 1999, Huerga y Fierro (antoloxía de poemas, galego-español).
Río Matinal, 2000, Espiral Maior.
Maneiras de querer, 2005, Espiral Maior (poesía completa).
"Xuvia revisitada", 2008.
Vintecatro maneiras de querer a Brian, 2008 (edición bilingüe, galego-español).
Ensaio
Voces Ceibes, 1991, Xerais.
Narrativa
Agora xa foi, 2000, Laiovento.
A canción do verán, 2001, Ir Indo.
Xuvia-Neda, 2010, Xerais. Relatos.
MILICIANOS NA PONTE DE XUVIA (1940)
Hai un xesto destes homes na foto
tan fráxil como o tempo
no carril do tranvía.
E non engana o mauser, inservible nas mans
en posición "descansen",
e non engana a dor
presente na moura nostalxia
das dúas mulleriñas,
caminantes no fondo desta postal antiga.
Vicente Araguas
MILICIANOS EN EL PUENTE DE XUVIA (1940)
De estos hombres, un gesto hay en la foto
tan frágil como el tiempo
en el carril del tranvía.
Y no, no engaña el mauser, inservible en las manos
en posición "descansen",
y no engaña el dolor
presente en la nostalgia
malva de dos mujeres
que caminan al fondo de esta postal antigua.
Versión en español de Manuel López Azorín
http://manuellopezazorin.blogspot.com/2009/02/
vicente-araguas-xuvia-revisitada.html
VIN A XUVIA MIRAR
COMO O RÍO FIGURA
MANEIRAS ESCOLARES
(Instituto Fernando Esquio)
A Tania, Patricia, Isabel, Eva, Noelia e Patricia.
A Loles Paris.
Agora que son voso, estratexias de río
fluíndo antigamente, e canle tan perfecta
como cauda de estrelas, ou caída de nubes
voando a cada paso, que dou e que me dades.
E son de aquí con formas de illa con lavancos
de praias asombrosas e pontes despontadas
e bañistas intrépidos cal naos que se enguedellan
na procura de amores e patrias neboentas.
Vou e veño e me quedo coa forza dos paxaros
mergullándose en augas que son e non se perden
mentres o río estea, cal espello visible
a carón dos pupitres nos que imos sabendo.
Aprendendo as orixes que fornecen as cousas
que nós máis estimamos, como volver de lonxe,
feitos luz e cristal e materia de sempre
nun contino artellar de laradas e casas.
Agora son moi voso, e lume de batalla,
fogo alto alcendido para que nunca cese,
para seguir andando, con amoras e chuvia
no Camiño de sempre, antigamente Vello.
No hay comentarios:
Publicar un comentario