viernes, 7 de octubre de 2016

FRANCISCO CORTEGOSO [19.215]


Francisco Cortegoso

Francisco Cortegoso, conocido también como Fran Cortegoso y por su pseudónimo Frank Euner (Nació en Pontevedra, 1985 - Falleció el 5 de octubre de 2016) fue un poeta español en lengua gallega.

Licenciado en Filología Gallega. Con Ningún home, una colección de poemas publicada en la Revista das Letras (Galicia Hoxe) en 2008 se incorporó con fuerza al panorama literario gallego. Continuó después con Carta ao poeta español (libro inédito al tiempo de su fallecimiento, aunque algunos poemas fueron publicados en la revista Grial), Memorial e danza (Espiral Maior, 2013), poemario con el que fue galardonado con el Premio Pérez Parallé y Suicidas (Chan de Pólvora, 2016) que vio la luz en las librerías el mismo día de su fallecimiento.



FRAN CORTEGOSO (2008). “Ningún home”. Galicia Hoxe. “Revista das Letras”:
739 (2 de outubro 2008 - NÚMERO739), 1-8.

Estes textos que agora aparecen en Revista das Letras son os primeiros que publica Fran Cortegoso, representante dunha xeración emerxente de poetas que seguen a senda de Chus Pato, Manuel Outeiriño, Celan ou Alfonso Pexegueiro, nomes para eles referencial na construción do seu propio discurso lírico. Aínda que Fran Cortegoso (Pontevedra, 1985) comezou a escribir hai xa algúns anos, non foi até agora que encontrou a voz idónea de achegarse aos lectores.




[… en una palabra, hablar, no de los poemas, sino del lugar desde el que hablo (o pretendo hablar) J. Talens]

O TREVO DE SCHAHRIAR

A lámina acuosa que recubría o ollo do rei persa iluminábase, compracíase, nas palabras –nunca testemuñas– deslizadas sobre o labio superior do imaxinado rostro de Scheherazade. Imaxinarmos o conto como unha rede de fíos tecidos na nosa pel; cubertos por un manto para non pasarmos frío. O seu labio arremuiñado sopraba pompas no ar para contención da sordidez que agachaba a lingua de Schahriar. Comprácennos as pompas cando somos meniños, achegámonos a elas para as tocar e desaparecen; el só as podía percibir reflectidas na pupila, igual ca nós: se cadra non eran reais, mais cando estoupaban sentíamos a súa humidade sobre a pel. A calidade especular das pompas amosaba mundos embriagadores, alucinóxenos: os nosos ollos tamén están cos seus ollos, bebemos as imaxes e compracémonos en velas; arrotamos máis pompas cara ao ar para que as Scheherazades do noso tempo constrúan escumas. E por momentos achegamos as pálpebras para ulir o aroma das herbas con que sazonamos o caldo dos nosos sentidos. Unha pompa é como unha metáfora, e esta tamén estoupa como a pequena burbulla que se achega ao teu polgar: desaparece na túa pel e sentes unha leve humidade quizá, mais o teu ouvido permanece intacto ante tal fenómeno: é difícil escoitar a consumición dunha desas esferas que pululan no espazo. Ser conscientes do lugar que ocupamos (ou que nos ocupa) é percibir o ruído das pompas do noso mundo. Deixármonos embriagar pola súa densidade é descoñecer a capacidade construtiva das palabras, como se enreda a nós un denso manto de linguaxe. O poema aproveita toda a produtividade da linguaxe e atrévese a destecer a nosa pel, achegarnos ás pompas para que escorreguen ao noso antollo sobre a lingua, facelas estoupar e saborearmos a acidez da súa composición, e incluso ousar construír novas pompas. Na nosa lingua hai un doce sabor a trevo, mais os poemas ofrécennos outros sabores que agardamos nos sorprendan.





a escena ábrese ante un público inexperto, non acostumado á violencia da imaxe que nós si (somos os que nos lemos)
eles nunca recibiran a imaxe de si propios, foran adestrados na observancia do humano desde disciplinas de distinto grao de aplicabilidade como se a experiencia terreal fose unha loita do home contra o home (unha loita contra os impulsos da natureza, propios dun estado anterior á sociedade)
descoñecían a violencia da pedra; o non-recoñecemento no propio reflexo do espello, a triplicación do eu: eu-pai, eu-fillo, eu-espírito
a filmografía e a fotografía permitiunos ter consciencia de nós ante o mundo nós como un único suxeito, un eu superior e mecánico produto da fabricación de imaxes en cadea un eu que se consome

no escenario –dividido en dous pequenos cenarios (ou cuartos tamén pequenos)– encóntranse dúas recoñecidas figuras da arte do momento:
Cocteau: situado no cuarto da esquerda escribe poemas sobre o corpo inmaturo dun eu-infancia, e todo é filmado como recordo da creación
 artística
Picasso: abstraído polo seu ímpeto creador e violento deforma o retrato do rapaz exposto no cuarto do lado coa forza e densidade do óleo sobre
 a superficie do espello
fóra destes dous planos aparece un terceiro inesperado que corta a cena
a súa disposición oblicua no espazo impide a visión do fenómeno, unha dimensión allea ao tempo, á configuración do ser-aí, onde todo é (ou
 non-é) non-son
un eu non-eu diríxese cara ao público
[na boca sosteño unha pedra e sobre a cabeza apértase unha bolsa ao colo co osíxeno dun instante]
a figura arqueada daquel rapaz (que recoñezo) desfalece e precipítase
atravesa o plano e vólvese visíbel ao público, permanece deitado sobre o escenario e o ar contido na bolsa consómese nos seus ollos

damas e cabaleiros, ante vostedes a violencia deste século contida no meu propio ser
[sobre o meu corpo adolescente esténdese o holocausto]


como saber da miña pel
os escuros usos de Lázaro
como para domar a sedución do touro
a lingua fascista que rume o trevo da miña boca
mentres a pupila fende – dilátase
e é cunca
que abrirá paso ao meu espolio
unha lenta melancolía que parte en nobelo das miñas mans
como hei curar a miña figura bulímica
de cuspir tantas veces o [teu nome]
Daddy
como para salvar a miña vida
“xunto ao seu cadáver encontraron o coiro dunha besta arrincado por gabiáns
as uñas chantadas na súa propia lingua impronunciábel
e unha carta que transcribo –
Inútil é grafar o silencio, o meu ser-aquí-neste-momento”
tívente que matar Lázaro
tívente que xunguir aos meus ollos
afogarte na miña gorxa para pronunciar os sons do Real
o silencio
tiven que agardar cando xa ardías
para crear o verso – o mundo
e tiven que agardar, máis unha vez, para bicala 





a dous metros sobre a liña que se traza baixo o límite da pálpebra observarás o aletexo dun nome

apenas unha bágoa lembre o teu rosto en cinza

a rosa escureza o reflexo do teu Ti

quizá o labio lle fale á súa propia raíz e esqueza que palabra
traizoou a memoria do trevo

mais eu

e Ti, atando o silencio ao teito do mundo
lembra que Ti
volverás mastigar a súa última folla




PSALM

Ningún-home te constrúe xa con ferro e pedra
Ningún-home alenta o teu sangue
Ningún-home
Gabado sexa ante ti, Ningún-home
Polo meu amor cara a ti
renaces
Cara a
ti
Non eras
nada, es, serás,
renacente:
a Muller de Nada, a
Muller de Ningún-home
Sen
a cor diáfana-escura
o flaxelo ferro-sol
a coroa de espiña
esculpida na pedra-palabra, que nós
oh! que ti cravabas
sobre a dor
Co
neno eunuco
a non-palabra eufónica
o harén dos séculos
de purpúrea lingua, que eu
cantarei sobre, oh! sobre
Ningún-home


DERRIDA

falar con Derrida en soños
mentres me embebía o delirio do cisne macho chegada a época de
apareamento
puido ter sido
certamente
este verso
o achegamento pausado á erótica do falo
a erección sobre o poema do meu Nome
e a necesidade do suicidio
ante a ameaza de sublimación do espírito
–hipócrita charlatán que
sempre lles fala de min
e na verdade
falar con Derrida en soños
puido ter sido
altamente erótico



DERRIDA (II)

falar con Derrida en soños
mentres J. nos relataba o conto do parruliño feo
descubriume o porqué de os cisnes
poboaren os xardíns das nosas cidades cando máis escuras se
amosaban
lembro os paseos na alameda co meu avó
o seu cabelo branco de palabras
e os meus ollos embebidos na brancura do cisne
como se enchían de luz
e nacían as cores
agora coñezo o capitalismo dos cisnes
no paraíso éntrase por ósmose (Ch.)
e non se sae
os cisnes están aí
e teñen dentes



DERRIDA (III)

falar con Derrida en soños
mentres M. lle parte o colo ao cisne
permitiume conter o meu propio Nome nas mans
como tamén contiven o meu corazón
lonxe das aves
a miña familia comunga coa posmodernidade
está desconstruída
e eu só quixen salvar á miña nai
sempre levei o seu nome

Coordinación: A.R. López e M. Dopico. Deseño: Signum





Memorial e danza, de Francisco Cortegoso
Espiral Maior, Culleredo, 2013.  Premio Pérez Parallé


É sorprendente
non a noticia circundante para cubrir
a imaxe dun furacán atravesando América Central
ou o Caribe,
mais a compracencia con que o vento
vindo do Norte este día de xullo
trata as pólas do plátano nun xardín de Europa;
e non o voo dunha gacela sobre os campos etíopes
atravesado na boca dun guepardo;
e non a portada de National Geographic
testemuñando o cultivo de arroz nas montañas de Indochina
tras o ciclo do Monzón;
e nunca o tempo achegado do Imperio Macedonio
porque eles xa contemplaban este ceo nocturno;
porque hoxe me inquieta
só este compasado movemento
sen retorno.



Poema (XCIII): «En días de inverno, …»

En días de inverno, o ar calmo,
con gratitude ofrece instantes de vida
sentada na soleira que da súa casa para o sur
se estende.
En igual grao presta
unha actitude a falar de como
as súas pernas curtas, grosas e apertadas
en medias de algodón e unhas botas pretas,
se resenten e calma cada noite coas mans
aínda que, a modo da pel que suxeita o lóbulo,
parezan desprovistas de tacto e a inmediata excitación capilar.
E o grao que amosa é desposesión.
Esquece a cor azul desde o fondo da súa ollada.
Só iso parece velar para si, a permanencia.
Continúa cun aceno do rosto
mentres os tres dedos que centran a man dereita
sinalan unha liña de sangue callado
no dorso doutro estremo.
Contra a palma debuxa xestos como un principio de escrita.
Nos finais días da estación.
Mañá vereina no mesmo lugar.
Falarame das mans, das pernas, das súas botas.
Tamén me falará do almorzo e da cea.
Falarame do seu día. Do sol que centra o seu lugar.
Sentada na cadeira co seu tempo
e o sol que vindo do ollo a ocupa
con todo o real que a estrema.



Chan da Pólvora Editora abre o outono con 'Suicidas', de Fran Cortegoso

O autor coloca aos lectores "fronte ao que é, sen dúbida, un dos máis importantes e conmovedores textos da poesía galega das últimas décadas"

A nai, o capitalismo, a violencia, a linguaxe, o suicidio, o amor... Estas son algunhas das sombras que transitan por Suicidas de Fran Cortegoso, a proposta coa que Chan da Pólvora Editora abre as súas publicacións de outono. O lanzamento do libro, que chegará a primeiros de outubro ás librerías, está precedido por unha pre-edición numerada de dez exemplares, con sinatura do autor, destinada especialmente a coleccionistas. Esta pre-edición presenta unha imprentación diferenciada respecto da edición final, así como lixeiras variacións sobre o texto. Con Suicidas, Cortegoso coloca aos lectores fronte ao que é, sen dúbida, un dos máis importantes e conmovedores textos da poesía galega das últimas décadas. Francisco Cortegoso (Pontevedra, 1985) deuse a coñecer no ano 2008 en Revista das Letras con Ningún home, agrupación de poemas nos que xa se amosaba Suicidas. No 2013, conseguiu o Premio Pérez Parallé con Memorial e danza, uns poemas nos que se movía entre as escenografías da revelación, o campo nutricio das rosa e a disolución da paisaxe bravía.

Cortegoso escribe Suicidas entre os vinte e os vintecinco anos, se ben só agora o compacta nun conxunto tan apaixonado como desconcertante. Os textos, xurdidos dunha lectura de distintos escritores suicidas, son a resposta dun autor insurxente ante un dilema clave na literatura: a consciencia de como a palabra nos forza a ser violentos.

Para el, a literatura debe transmutar esa violencia e ese obxectivo, ao cabo, é o que estrutura auténtica estrutura o seu libro. A través de sintaxes inflamadas e atmosferas de vesania densa, indaga na vea máis profunda da creación para enfrontarse aos totalitarismos: o nihilista e o do ser.

Revólvese, cae, levántase de novo, morre, renace e loita nunha insólita tensión lingüística. «O verdadeiro problema da poesía», asegura o poeta, «é superar a linguaxe posesiva e desvelar unha linguaxe que poida acoller ao outro. Porque a linguaxe tende á totalización do outro, non ao seu desenvolvemento. A clave dese mecanismo perverso é que a linguaxe tamén totaliza o eu e iso é o que os meus versoscombaten».

Un dos trazos comúns dos escritores suicidas é, a xuízo de Cortegoso, que o suicidio vén como consecuencia de que eles «non recoñecen a forza tremenda da linguaxe, que os obriga a retomar a memoria como todo absoluto. Iso tortúraos e, finalmente, lévaos á morte». Son escritores, puntualiza, «que xogan entre os campos do ser e do nihilismo», mentres que Suicidas «pescuda unha vía á marxe das totalizacións, tanto a da nada como a do ser» e atopar «unha linguaxe alternativa». Nese sentido, o libro «é a concienciación de facerme poeta» e de asumir persoalmente ese estado. «Só despois de concibir estes textos», engade, «me puiden permitir escribir poesía».






.

No hay comentarios:

Publicar un comentario